Amosando publicacións coa etiqueta toma de decisións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta toma de decisións. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de abril de 2020

COMO ORIENTARSE VOCACIONALMENTE?








Dadas as circunstancias, é importante que como alumnos/as, sobre todo dos niveis educativos máis altos, sexades capaces de orientarvos mediante buscas en internet, pois a cantidade de recursos que atopamos neste soporte é infinita.
Neste caso, corremos o risco de intoxicarnos con excesiva información e facer uso de páxinas ou webs pouco rigorosas. Sobre todo se non somos críticos á hora de seleccionalas.
Por iso, comparto neste entrada unha recompilación de recursos esenciais dirixidos a todos os estudantes que teñan que levar a cabo ese proceso de autorientación na rede ou que queiran ampliar os seus coñecementos a través desta canle.
Antes de incluír eses recursos, é preciso ter claro cales son os pasos que hai que dar para que a autorientación sexa reflexiva. Estes pasos son:

Coñécete a ti mesmo:
  • Coñece as túas aptitudes, as túas habilidades e as túas capacidades, as túas afeccións, os teus rangos de personalidade, os teus intereses profesionais e os teus valores.
  • Reflexiona sobre a túa motivación, pensando se queres facer uns estudos máis longos (graos universitarios) ou curtos e prácticos (por exemplo, estudos de formación profesional).
  • Investígate a ti mesmo, auto-analízate e fai unha listaxe das túas características persoais e dos teus puntos fortes.
Infórmate:
  • Investiga todas as opcións e estuda a oferta. Empeza por aqueles estudos que están máis relacionadas coa túa formación previa e coas túas características (analizadas no punto anterior).
  • Fai unha lista daqueles estudos que máis che poden interesar. Posteriormente, analiza o seu plan de estudos e as súas saídas profesionais.
  • Localiza eses estudos e busca os centros onde podes facelos.
Decide:
  • Pon en orde de prioridade os estudos da lista que elaboraches na fase anterior. Elabora unha táboa con tres columnas: estudos que me interesan, vantaxes e inconvenientes (duración, dificultade, custe, necesidade de desprazamento, as posibilidades de acceso, esixencias de idiomas, as saídas laborais...).
  • Reflexiona sobre os factores que van influír na túa decisión como, por exemplo, as túas posibilidades económicas, vías de acceso a eses estudos, os estereotipos de xénero para determinadas profesións, a presión familiar, etc.
  • Por último, selecciona aqueles estudos nos que atopaches máis vantaxes e ordénaos por orde de prioridade, ese será o teu obxectivo vocacional. Esforzarte por conseguilo.


A continuación, inclúo o documento cos recursos que podedes utilizar para autorientarvos, clasificados por categorías e cos enlaces para que vos sexa máis doado visualizalos.