xoves, 30 de abril de 2020

CONTIGO DENDE CASA



Inclúo unhas recomendacións moi básicas para as familias á hora de saber xestionar as emocións cos nenos/as e como preparalos para que a volta sexa o máis "normalizada" posible.

Xestión emocional
  •  Explicarlles a situación de forma breve, afectiva e adecuada á idade.
  • Transmitirlle ao neno moito afecto, pero sobre todo seguridade e calma, non sobre-expoñéndoos ás dificultades familiares, laborais e económicas que poidan derivar desta situación.
  • Permitir que poida expresar libremente as súas emocións, tanto positivas como negativas, e normalizalas.
  • Buscar a lectura positiva desta situación: pode ser unha oportunidade para estar xuntos, para aprender cousas novas, para descubrir novas formas de traballo, para minimizar o estrés diario...É unha oportunidade para descubrir novos valores sociais como a solidariedade, a empatía, a axuda, a amizade...
  • Ter en conta que os pais non sodes docentes polo que debedes manter a clama ante o traballo escolar, non agobiarse nin agobiar aos nenos xa que poda prexudicar as relacións familiares.
  • Ter en conta o ritmo do neno.
  •  Escoitar aos vosos fillos cando non teñan ganas de traballar e non forzar a situación.
  • Alternar actividades escolares con outros lúdicas.
  • Aproveitar para aprender a respectar os espazos e tempos de cada un dos membros familiares.
  • Aprender a xestionar o seu tempo de ocio. Deixar espazo para que descubran por si mesmos formas de entretemento sen depender sempre das propostas dos adultos.
  • Procurar que haxa momentos para todo, para traballar, para xogar, para aprender...
  • Ter en conta a importancia da educación emocional nesta situación e reflexionar como a presente situación está a influír na capacidade de motivación, concentración e estudo.

Como vai ser a volta?
  • Explicar aos nenos a importancia de adoptar medidas de hixiene máis estritas pero sen dramatismos nin alarmismos.
  • Facelos partícipes a través dalgunha estratexia, como choiva de ideas, de que aporten ideas de como mellorar as nosas relacións cos demais, formas alternativas de amosar afecto, de xogar, de comunicarse cos demais, facéndolles ver que estes cambios non teñen por que ser negativos.
  • Preparalos tamén para as posibles reaccións que poidamos atopar nos demais: é posible que ao principio haxa certo “histerismo coa limpeza” que provoque reaccións desproporcionadas.

Como preparar aos nenos?

Hai que ter en conta a volta a saír da casa pode xerar nalgúns nenos reaccións negativas como medos, ansiedade, fobias, estrés... Iso ligado a separarse da familia e volver ás rutinas anteriores. Por iso é importante ter en consideración algunhas cuestións:
  • Indicarlles que estamos nunha situación transitoria de alarma que afortunadamente terá un fin e que será indicativo de que as cousas van mellor.
  • Facerlles ver a importancia de que todos volvamos ás nosas rutinas para que a vida poida continuar e que o noso estado natural non é o actual.
  • Explicarlles que a vida social, o traballo e a escola beneficia o noso equilibrio emocional.
  • Destacar a importancia de volver a ver os seus compañeiros e ao profesorado, recordándolles anécdotas ou situacións vividas con eles e que lles resulten gratificantes.
Moito ánimo!

mércores, 29 de abril de 2020

A IMPORTANCIA DA COMUNICACIÓN NA RESOLUCIÓN DE CONFLITOS


Na entrada anterior tratábamos a negociación como técnica para a resolución de conflitos. Pero tan ou máis importante que iso, é a comunicación. Principal conector cando intentamos resolver os problemas que día a día nos ocorren.

Como ten que ser esta comunicación?  Que tipos de comunicación hai? Cales son as causas que dificultan a comunicación? Que debo ter en conta na comunicación? Cales son as técnica de comunicación eficaz? Son preguntas que nos facemos frecuentemente, as cales moitas veces non sabemos responder.

A continuación déixovos unha presentación abordando todos eses aspectos. Espero que sexa de axuda.

martes, 28 de abril de 2020

A RESOLUCIÓN DE CONFLITOS NA ESO


Os conflitos están presentes en distintas actividades que realizamos no día a día e debemos saber dominar o estilo a utilizar para que isto non suceda. Como sabemos, o conflito é un afrontamento que xurde entre varias persoas ou grupos de persoas, porque o comportamento dunha prexudica o logro de obxectivos (intereses, necesidades, desexos...) que persegue a outra persoa.

As causas máis comúns son a falta de coordinación entre as persoas, puntos de vista contrarios, obxectivos diferentes, problemas de comunicación, estilo de liderado ineficaz, e desconfianza entre as persoas.

Sen embargo, os conflitos son positivos dende o punto de vista de que poden estimular a creatividade nas persoas e poden xerar novas ideas, a mellorar o esforzo e destreza, liberar as emocións, o estrés, as persoas chegan a coñecerse mellor, cooperan máis entre si e aumentan a súa unión. Pero tamén teñen aspectos negativos os cales logran que a cooperación e o traballo en equipo se deteriore, aumenta o interese persoal, aumenta a desconfianza mutua, diminúe o rendemento, equivocacións na toma de decisións, comportamentos violentos, etc.

A ferramenta que nos axuda a poder resolver estes conflitos é a negociación, que é o proceso de diálogo que conduce a un acordo mutuamente aceptado e que é un convenio colectivo. É un proceso que require disciplina, estratexias, emocións e actitudes. A negociación axudaranos a ser flexibles e a saber escoitar, a establecer límites claros e a saber controlar as emocións para comunicarnos dunha mellor maneira.

Dito isto, déixovos unha presentación da negociación para utilizar, sobre todo, co alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.

luns, 27 de abril de 2020

A RESOLUCIÓN DE CONFLITOS NA EDUCACIÓN PRIMARIA

Hoxe deixo unha presentación referida á resolución de conflitos na Educación Primaria a través da técnica denominada "o gran".

Xa me contaredes as vosas experencias con esta técnica.



venres, 24 de abril de 2020

A RESOLUCIÓN DE CONFLITOS NA EDUCACIÓN INFANTIL


O ámbito familiar é un dos lugares onde as diferenzas de opinións e conflitos suceden cada día con máis envergadura. Debemos recordar que como pais/nais e familiares xogamos un papel moi importante á hora de ensinar aos noso fillos/as a resolver conflitos con nos e entre eles. Recordemos que os adultos nos convertemos en modelos de rol que os nenos/as observan, e a maneira en que manexamos as situacións difíciles son exemplos sobre como eles deberán facelo despois.
Como adultos debemos:
  • Axudar a expresar os sentimentos deixando de lado as acusacións.
  • Ensinar a escoitar aos demais sen prexulgar.
  • Ensinar a ter en conta o punto de vista dos demais e os seus sentimentos. Ensinar a ser empáticos.
  • Ensinar a responsabilizarse cada un do seu e pedir perdón se é necesario.
  • Ensinar a resolver o conflito, sabendo que non necesariamente un ten que perder senón que ambos podemos ganar nunha situación calquera.
  • Facilitar o traballar os sentimentos e non actuar sobre os negativos.
  • Ensinar a non gardar rancor para poder seguir adiante.
  • Ensinar a practicar todo isto nas casas e nas aulas con nos mesmos e cos demais.
  • Difícil tarefa pero, e se logramos que todos os nenos/as sean capaces de resolver diferenzas de opinión, que teñan habilidade de sentarse a ver como ambos poden ganar resolvendo calquera diferenza?

Aquí entra en xogo a mediación escolar, que trataremos noutra entrada de maneira pormenorizada.

Agora déixovos unha presentación sobre a resolución de conflitos na Educación Infantil. Máis concretamente, a técnica denominada “mellor se xogamos todos xuntos” a través do conto “o crocodilo”.

mércores, 22 de abril de 2020

COMO ORIENTARSE VOCACIONALMENTE?








Dadas as circunstancias, é importante que como alumnos/as, sobre todo dos niveis educativos máis altos, sexades capaces de orientarvos mediante buscas en internet, pois a cantidade de recursos que atopamos neste soporte é infinita.
Neste caso, corremos o risco de intoxicarnos con excesiva información e facer uso de páxinas ou webs pouco rigorosas. Sobre todo se non somos críticos á hora de seleccionalas.
Por iso, comparto neste entrada unha recompilación de recursos esenciais dirixidos a todos os estudantes que teñan que levar a cabo ese proceso de autorientación na rede ou que queiran ampliar os seus coñecementos a través desta canle.
Antes de incluír eses recursos, é preciso ter claro cales son os pasos que hai que dar para que a autorientación sexa reflexiva. Estes pasos son:

Coñécete a ti mesmo:
  • Coñece as túas aptitudes, as túas habilidades e as túas capacidades, as túas afeccións, os teus rangos de personalidade, os teus intereses profesionais e os teus valores.
  • Reflexiona sobre a túa motivación, pensando se queres facer uns estudos máis longos (graos universitarios) ou curtos e prácticos (por exemplo, estudos de formación profesional).
  • Investígate a ti mesmo, auto-analízate e fai unha listaxe das túas características persoais e dos teus puntos fortes.
Infórmate:
  • Investiga todas as opcións e estuda a oferta. Empeza por aqueles estudos que están máis relacionadas coa túa formación previa e coas túas características (analizadas no punto anterior).
  • Fai unha lista daqueles estudos que máis che poden interesar. Posteriormente, analiza o seu plan de estudos e as súas saídas profesionais.
  • Localiza eses estudos e busca os centros onde podes facelos.
Decide:
  • Pon en orde de prioridade os estudos da lista que elaboraches na fase anterior. Elabora unha táboa con tres columnas: estudos que me interesan, vantaxes e inconvenientes (duración, dificultade, custe, necesidade de desprazamento, as posibilidades de acceso, esixencias de idiomas, as saídas laborais...).
  • Reflexiona sobre os factores que van influír na túa decisión como, por exemplo, as túas posibilidades económicas, vías de acceso a eses estudos, os estereotipos de xénero para determinadas profesións, a presión familiar, etc.
  • Por último, selecciona aqueles estudos nos que atopaches máis vantaxes e ordénaos por orde de prioridade, ese será o teu obxectivo vocacional. Esforzarte por conseguilo.


A continuación, inclúo o documento cos recursos que podedes utilizar para autorientarvos, clasificados por categorías e cos enlaces para que vos sexa máis doado visualizalos.

venres, 3 de abril de 2020

RECOMENDACIÓNS IMPORTANTES PARA FAMILIAS E ALUMNADO



Que é aquilo que debemos facer durante estes días de corentena?
  • Establecer unha rutina diaria que se deberá conformar en rangos xerais por tarefas de responsabilidade, tarefas de auto-coidado e tarefas de ocio.  Tres piares fundamentais para poder seguir activos dentro da situación que estamos a vivir.
  • Axustar a túa nova vida ó máximo posible co que facíamos antes.


Valorar os aspectos positivos desta situación:
  • Este confinamento pode ser unha oportunidade extraordinaria para pasar máis tempo en familia, falar cos vosos fillos/as, sen presa....en definitiva, desfrutar do máis apreciado que temos.
  • Este confinamento vai a supoñer un respiro para o planeta: menos tránsito de vehículos, máis aproveitamento dos recursos da casa, mellorar administración dos alimentacións, etc.
  • Este confinamento permitirá valorar a importancia de ter un teito, acceso a luz e auga, acceso a alimentación, recollida de residuos...

Importancia de manter os teus horarios:
  • Horario de traballo: seguir traballando se é posible e senón adaptar novas responsabilidades e tarefas.
  • Horario de descanso: interromper o menos posible o hábito de descanso e sono que tiñamos antes.
  • Horario e hábitos de comida: igual que antes, interromper o menos posible este hábito, xa que podemos  caer na situación de comer de maneira compulsiva e sen orde.
  • Horarios de hixiene: estar na casa non significa estar todo o día en pixama, sen ducharnos, sen vestirnos ou peitearnos. Os hábitos de hixiene son fundamentais neste momento.
  • Horarios de ocio e tempo libre: é un bo momento para incorporar na nosa vida todas esas actividades que non tiñamos tempo de facer.                      

- As persoas acostumadas a ter moita interacción con outras persoas, poden servirse de chamadas ou vídeo-chamadas para ter ese  momento de actividade social
- Auto-coidado: importante tomar unha parte do día e da semana para facer deporte, meditar, escribir, mimarnos... (un bo baño relaxante, arranxarnos e vernos ben...).
- Aproveitar este tempo para aprender cousas novas (coser, cociñar, manualidades, papiroflexia, pintar, facer quebracabezas...).
- É un bo momento para recuperar os lazos comunicativos intrafamiliares que perderamos, recuperar vellas costumes dentro de casa (reunirnos na mesa, xogar a xogos de mesa, ver películas....).

Cousas que non debemos facer durante estas semanas
  • Pasar todo o día en pixama, vendo películas ou series, e atacando a despensa
  • Recorrer constantemente a pensamentos de proxección futura. É momento de vivir o agora e saborear o momento.
  • Monopolizar noso tema de conversación. Sabemos o que está pasando, debemos estar informados, pero non todo o tempo debemos falar o mesmo. Xa que isto solo pode axudarnos a aumentar os novos niveis de ansiedade.
  • Ter constantemente as noticias postas na tele ou recorrer a elas por internet.

Recomendacións para pasar tempo en casa:
  • Elaborar unha táboa de rutinas cos pequenos:
           - Conversar con eles sobre a realización dunha táboa de rutinas e construíla xuntos.
           - Facer unha choiva de ideas para as tarefas que se van realizar dentro da casa.
           - Facer debuxos das tarefas.
           - Ser flexible na súa execución.
  • Establecer dentro das táboas de rutina, un tempo para o reforzamento académico e escolar, así a través de actividades lúdicas ou didácticas que lle permitan os nenos/as aprender e desfrutar do tempo de deberes na casa.
  • Dentro das actividades introducir algunhas que xeren movementos corporais como: bailes, exercicios, circuítos, ioga ou Mindflulness.
  • Establecer conversacións asertivas e que sempre vaian dirixidas en positivo, validando e escoitando as súas emocións ou necesidades.
  • Conversar sobre os seus sentimentos, que cousas lle xeran medo ou confusión, darlle un color e forma a esa emoción, preguntándolle tamén en que parte do corpo a senten e cerrar brindándolle contención.
  • Elaborar na casa un espazo ou curruncho da calma onde podan estar para volver a estar tranquilos, cando se sentan preocupados, con medos ou confundidos. Alí poden ter: contos, botellas, bolsas sensoriais, plastilina, burbullas...
  • Demostrar moita contención emocional a través de abrazos, caricias e moita presenta.
Debemos decidir en QUE ZONA QUEREMOS ESTAR:


xoves, 2 de abril de 2020

COMO COMBATER A ANSIEDADE E O ESTRÉS?



Moitas veces preguntámonos como podemos combater a ansiedade e o estrés, e nestes momentos aínda máis aínda. Tamén dubidamos en cal é o nivel considerado como "normal" dentro destes dous termos.

Así pois, hoxe colgamos este vídeo creado persoalmente onde se expoñen algunhas das técnicas que podemos utilizar para baixar os niveis de ansiedade e estrés.

Espero que sexan de utilidade.