mércores, 24 de xuño de 2020

ADMISIÓN CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO E SUPERIOR. CURSO 2020-21


As ensinanzas de formación profesional conducentes á obtención dos títulos de técnico e de técnico superior están organizadas en ciclos formativos de grao medio e grao superior respectivamente.

Para realizar estudos nos centros sostidos con fondos públicos é necesario, ademais de cumprir os requisitos de acceso, participar nun PROCESO DE ADMISIÓN.

Este proceso establece un sistema de prioridades na adxudicación de prazas para cada centro educativo e para cada ciclo formativo, así como os prazos de presentación de solicitudes e de formalización de matrícula.

A continuación inclúo unha presentación de toda a información relativa ao proceso de admisión:
  •        Prazos de presentación de solicitudes.
  •         Procedemento para facer a solicitude.
  •         Adxudicación
  •         Vídeo explicativo para facer a prescrición
  •        Requisitos de acceso
  •       Distribución de prazas
  •     Alumnado con discapacidade
  •         Matrícula e renuncia
  •         Liberación de prazas
  •        Adxudicación continuada
  •         Matrícula simultánea

Así mesmo,  déixovos unha presentación en soporte PDF cos pasos para cubrir a solicitude, onde atoparedes pantallazos a modo de exemplo para que vos sexa máis doado. Tamén vos inclúo unhas instrucións xerais para a formulación da matrícula.



Por último, inclúo os accesos directos a distintos contidos da admisión para que pinchando podades acceder sen ter que estar buscando polos navegadores:
Calquera dúbida preguntade.

luns, 15 de xuño de 2020

ORIENTACIÓN ACADÉMICA: O PASO DA EDUCACIÓN INFANTIL Á EDUCACIÓN PRIMARIA


Funciones ejecutivas paso de educación infantil a educación primaria.

O tránsito entre etapas educativas supón un cambio que implica ó alumno/a unha marcada diferencia, no que se expón a un crecemento persoal, social e educativo. É neste último punto onde reside a importancia de planificar as transicións, pois estas poden afectar ao propio proceso de aprendizaxe, co cal é necesario contemplar nexos e vínculos inter-etapa que favorezan un proceso de tránsito o máis natural e beneficioso posible.

As etapas de transicións e cambios, polo xeral, sempre son momentos algo difíciles e problemáticos para os nenos/as, sobre todo cando estes son máis pequenos pero, lonxe de considerar as transicións como momentos complicados, o que se debe facer é utilizalas como oportunidade para que o alumno/a se adapte á diversidade e aprenda a enfrontarse as novas situacións.

Pasando a falar do paso da Educación Infantil á Educación Primaria, os cambios máis notables que se producen no paso dunha a outra refírense aos seguintes aspectos: profesorado, espazos, distribución do tempo e rutinas, metodoloxía e materiais. Pero un dos cambios máis drásticos que acontecen nas aulas dos primeiros cursos de Primaria é o enfoque metodolóxico e o modelo pedagóxico.

En Infantil, o alumnado aprende baixo enfoques caracterizados por un marcado carácter vivencial e globalizador, traballando contidos suxeitos a áreas de coñecemento e experiencia. A realidade cotián do neno/a é o elemento sobre o que se aprende e do que se aprende, estando o tempo estruturado en base a rutinas e hábitos progresivos, e métodos de traballo baseados na investigación.

Na Primaria, en cambio, os coñecementos aparecen parcelados, divididos en materias e áreas, cada unha cun peso académico específico, repartidos ao longo dun horario prefixado e estudiadas por medio de exercicios e actividades de corte máis memorístico e instruccional, centrando o proceso educativo cara o manexo de competencias.

Dito isto, a continuación inclúo un vídeo onde explico os cambios máis importantes de Infantil á Primaria.



Aquí vos deixo a presentación en soporte de PDF para que podades visualizar cada diapositiva máis detalladamente.




Para calquera dúbida estamos a vosa disposición.

mércores, 10 de xuño de 2020

A EDUCACIÓN SECUNDARIA DE ADULTOS


A Educación Secundaria de Adultos é a formación que, incorporando as oportunas adaptacións para os estilos de aprendizaxe das persoas adultas, conduce ao título oficial de Graduado de Educación Secundaria Obrigatoria.
Na seguinte presentación atoparedes toda a información relativa a estas ensinanzas: que son, como se estruturan, cales son os seus módulos, como é a súa duración, cales son os seus requisitos, cal é a titulación conseguida, como é a súa promoción, etc.



De seguido deixo uns enlaces que vos enviarán a páxina da Xunta de Galicia onde está colgada toda a información relativa a ESA:
·        Que estudar?
·        Onde estudar?
·        Materias didácticos
·        Preguntas frecuentes
·        Normativa

luns, 8 de xuño de 2020

A FORMACIÓN PROFESIONAL: As distintas familias profesionais

A Formación Profesional é un conxunto de accións formativas que capacitan para o exercicio dunha profesión, preparar para o acceso ao emprego e facilitan a adaptación ás modificacións laborais que se poidan producir ao longo da vida.
A Formación Profesional actual ofrece unha base sólida xeral e unha especialización acorde co mercado laboral e co coñecemento práctico das novas tecnoloxías. Unha das clases destes estudos é a conexión entre o mundo educativo e o mundo produtivo, aspecto que se trata de garantir combinando a formación no centro educativo coa formación nas empresas.
A continuación podes visualizar todas as familias profesionais existentes destas ensinanzas, pinchando en cada unha delas.

venres, 29 de maio de 2020

A FORMACIÓN PROFESIONAL BÁSICA


Grupo de Trabajo Regional ESTRATEGIAS DOCENTES PARA LA FORMACIÓN ...

Toda a información sobre as Ensinanzas da Formación Profesional Básica:

  • que son? 
  • cales son os requisitos de acceso? 
  • como se adxudican as prazas?
  • cal é o procedemento?
  • como se organizan? 
  • que opcións hai unha vez terminadas estas ensinanzas?




***O calendario deste curso aínda non está dispoñible, no momento que convoquen as datas esta información será actualizada.

luns, 25 de maio de 2020

GUÍA DE ESTUDOS SUPERIORES DE GALICIA 2020-21


La Voz de Galicia. Portada



A Voz de Galicia publicou o pasado 18 de maio esta guía denominada "¿Qué quiero estudiar?", onde informa de toda a oferta de estudos universitarios, estudos de Formación Profesional e outras ensinanzas, todo ilo organizado en catro ramas de coñecemento:

  • Artes
  • Humanidades
  • Ciencias Sociais
  • Ciencias


Invítovos a leela detidamente, xa que contén información de cada un dos estudos superiores, os centros onde se ofertas, os requisitos de acceso, as notas de corte, as saídas profesionais, becas, residencias...

PROGRAMA DE MELLORA DA APRENDIZAXE E DO RENDEMENTO

PMAR II 2017/2018 - Ámbito CM PMAR I


Nesta entrada atoparades toda a información sobre os Programas de Mellora da Aprendizaxe e Rendemento (PMAR).


venres, 22 de maio de 2020

ESTIMULACIÓN DA LINGUAXE ORAL NA ETAPA DE EDUCACIÓN INFANTIL: PARTE 2


Definición de razonamiento verbal - Qué es, Significado y Concepto

O desenvolvemento da linguaxe oral na etapa de Educación Infantil ten máxima importancia, posto que é o instrumento que permitirá aos nenos/as realizar unha aprendizaxe escolar satisfactoria, sobre o que se fundamentarán todos os coñecementos posteriores.

Dende un punto de vista social, a linguaxe permite a comunicación entre as persoas de forma que se convirte nun instrumento útil de socialización, á vez que serve para satisfacer as necesidades básicas, para expresar sentimentos, para regular o comportamento dos demais, etc. Esta é, quizais, a función máis evidente e a que, polo tanto, guía a maioría de actividades que se preparan na escola.

Pero non podemos esquecer que, dende un punto de vista individual, a linguaxe oral é un instrumento de codificación do pensamento. Permite organizalo e axuda á reflexión e a conceptualización. O exercicio desta función ten enormes repercusións no desenvolvemento cognitivo do individuo, posto que fai progresar as capacidades mentais superiores involucradas nos procesos de aprendizaxe como son a abstracción, a capacidade de análise e síntese e a capacidade para representar a persoas.

“A linguaxe ten a finalidade de dar forma ó pensamento, de preparalo para a actividade intelectual, á vez que indica a natureza social da actividade intelectual do home, feito que distingue radicalmente o animal”.

Dito isto, deixo unha selección de vídeos de Eugenia Romero sobre “verdadeiro e falso” para traballar con nenos de 3 a 4 anos a comprensión oral de frases, ampliación de vocabulario e razoamento verbal.

Xogamos a verdadeiro ou falso: Parte 1



Xogamos a verdadeiro ou falso: Parte 2


Xogamos a verdadeiro ou falso: Parte 3






xoves, 21 de maio de 2020

ORIENTACIÓN ACADÉMICA: OPCIÓNS UNHA VEZ REMATADA A ESO


Que hacer después de la ESO y Bachillerato? - Universidad - YAQ ...


Que opcións ten un alumno/a para continuar os seus estudos despois de obter o título de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria? E se non conseguiu este título, é posible seguir a formación académica? O sistema educativo español componse de diferentes itinerarios para que, tanto os estudantes que conclúen con éxito a educación obrigatoria, como aqueles que a abandonan antes de tempo, podan proseguir a ensinanza e alcanzar, se o desexan, o nivel universitario ou outras opcións.

Dito isto, a continuación inclúo un vídeo onde explico o remate da Educación Secundaria Obrigatoria e as vías/posibilidades que tedes unha vez terminada esta etapa educativa.



Aquí vos deixo a presentación en soporte de PDF para que podades visualizar cada diapositiva máis detalladamente.




Calquera dúbida estamos a vosa disposición.


mércores, 20 de maio de 2020

ORIENTACIÓN ACADÉMICA: PASO DE 3º ESO A 4º ESO



Fundacion CYD


O proceso de orientación académica e vocacional obriga á persoa interesada a decidir o seu futuro profesional, a reflexionar sobre si mesmo, sobre os seus gustos e as súas preferencias. Ao mesmo tempo, permite interiorizar coas diferentes carreiras e profesións, xa que analiza certos aspectos como as características e os roles laborais.

Outro beneficio do proceso de orientación vocacional é que permite ao alumnado identificar e desenvolver habilidades, intereses, fortalezas e oportunidades. Isto é sumamente proveitoso para elixir un rumbo profesional no cal se podan desenvolver integramente e con maior satisfacción.

Ademais, mediante este proceso o alumnado pode chegar a constituír un obxectivo de vida que sexa tanto realista como alcanzable. Este obxectivo inicial é o que vai estar presente en todo momento, guiando as decisións persoais, laborais e académica.

Dito isto, a continuación inclúo un vídeo onde explico os cambios máis importantes do voso paso de 3º de Educación Secundaria Obrigatoria a 4º desta etapa educativa:



Aquí vos deixo a presentación en soporte de PDF para que podades visualizar cada diapositiva máis detalladamente.




Calquera dúbida estamos a vosa disposición.

martes, 19 de maio de 2020

ORIENTACIÓN ACADÉMICA: DE 2º ESO A 3º ESO

JORNADAS DE ORIENTACIÓN ACADÉMICA, PROFESIONAL Y DE DIFUSIÓN DE ...

Decidir que estudar e de que queres traballar non é unha tarefa fácil nin rápida. Trátase dun proceso no que deberás ter en conta diferentes aspectos para poder tomar ben a túa decisión.

Os elementos que forman parte do proceso de decisión e sobre os cales terás que profundar son:
  • Autocoñecemento: formado pola personalidade, habilidades, competencias, valores e intereses. Realizar un bo exercicio de autocoñecemento é necesario para empezar a construír o teu proxecto de vida e profesional, e para que podas explorar que formación e que profesión se axusta ao teu perfil.
  • A oferta académica: son todos os estudos que existen e que podes realizar. Debes explorar todas as oportunidades formativas e as súas características (acceso, plan de estudos, especializacións, saídas profesionais, etc) que tes ao teu alcance para atopar aqueles que mellor respondan aos teus obxectivos.
  • O mercado de traballo: nel están todas as profesións que poderás realizar. Necesitas coñecer a fondo as características destas profesións e as tarefas que realizan os diferentes profesionais para poder elixir a que mellor se axuste ao teu perfil.
O exercicio de investigar a fondo estes tres aspectos axudarache a adquirir a autonomía necesaria para poder escoller uns estudos e unha profesión.

Dito isto, a continuación inclúo un vídeo onde explico os cambios máis importantes do voso paso de 2º de Educación Secundaria Obrigatoria a 3º desta etapa educativa:



Aquí vos deixo a presentación en soporte de PDF para que podades visualizar cada diapositiva máis detalladamente.



Calquera dúbida estamos a vosa disposición.

luns, 18 de maio de 2020

ORIENTACIÓN ACADÉMICA: DE 1º ESO A 2º ESO


Orientación Académica | IES Lago Ligur. Departamento de Orientación

A orientación académica e profesional amosa á persoa, mediante información contrastada e analizada, todo un amplo abanico de estudos e profesións ás que se pode acceder. Calquera decisión é boa sempre cando se tome con consciencia. Non hai que ter medo ós erros porque deles aprendemos e a reorientación é posible: pódese reconducir a carreira académica e profesional cunha adecuada orientación. E non só se pode reconducir, senón que é posible que ao longo da vida se cambie de profesión, xa que o mercado laboral está en continuo cambio, están aparecendo novas profesións e outras estanse transformando. Por iso é de gran utilidade posuír recursos necesarios para afrontar os cambios.

Dito isto, a continuación inclúo un vídeo onde explico os cambios máis importantes do voso paso de 1º de Educación Secundaria Obrigatoria a 2º desta etapa educativa:



Aquí vos deixo a presentación en soporte de PDF para que podades visualizar cada diapositiva máis detalladamente.



Calquera dúbida estamos a vosa disposición.

venres, 15 de maio de 2020

ORIENTACIÓN ACADÉMICA: O PASO DA EDUCACIÓN PRIMARIA Á ESO



Definición de salto - Qué es, Significado y Concepto

A transición entre etapas educativas é un proceso que preocupa ó alumnado, ó profesorado e ás familias pola implicación que iso ten a nivel académico, social e emocional para os estudantes. En moitas ocasións, a falta de colaboración e coordinación supón unha dificultade (Antúnez, 2005) contra a que é necesario loitar.

Pero, que debemos entender por transición? Gimeno (1997) defínea como o momento e a experiencia de vivir a discontinuidade dentro da natural multiplicidade, diversidade e polivalencia do mundo social e cultural no que nos toca vivir en certo momento, ou a experiencia e o momento de pasar, sen poder volver, dun estado a outro.

Na educación, a transición é un proceso que viven os alumnos/as cando cambian de curso, ensinanza ou institución. Cambio que pode afectar o seu ambiente social, á metodoloxía de ensinanza, o seu grupo de compañeiros/as, etc. Este cambio desenvólvese de forma positiva cando permite a adaptación á nova situación sen que iso supoña ningún tipo de contratempo para o alumnado a nivel educativo, social ou emocional. Sen embargo, a experiencia demóstranos que en múltiples ocasións a transición é vivida polos estudantes como algo traumático que acada afectándolles, ao menos temporalmente, nos niveis mencionados.

Para garantir un bo proceso de transición primaria-secundaria fai falta fomentar máis comunicación co profesorado. A coordinación é o punto clave para unha correcta transición educativa, xa que axuda a regular e mellorar as consecuencias que esta exerce sobre o alumnado.

Dito isto, a continuación inclúo un vídeo onde explico os cambios máis importantes de Primaria á Educación Secundaria Obrigatoria.



Aquí vos deixo a presentación en soporte de PDF para que podades visualizar cada diapositiva máis detalladamente.



Calquera dúbida estamos a vosa disposición.

luns, 11 de maio de 2020

ESTIMULACIÓN DA LINGUAXE ORAL NA ETAPA DE EDUCACIÓN INFANTIL: PARTE 1



Estimulación del Lenguaje Oral


Durante a etapa de Educación Infantil atopámonos no momento dunha actuación preventiva. Nela hai que favorecer a interacción verbal entre mestres-nenos/as a través dunha eficacia comunicativa e educativa, de maneira natural e sabendo intervir verbalmente. É preciso favorecer a interacción verbal dentro da aula a través de programas da linguaxe oral e permitir aos nenos/as ter unha participación activa na súa propia aprendizaxe.

Non debemos esquecer que a linguaxe é o medio fundamental da comunicación entre persoas o que vai permitir aos nenos/as expresarse, comunicarse e comprender o medio que os rodea. Para chegar a este proceso debemos centrarnos no desenvolvemento e adquisición da mesma.

É, por tanto, importante coñecer os períodos de adquisición e desenvolvemento da linguaxe e como evolucionan os procesos de comprensión e expresión na infancia, sen esquecer que a evolución lingüística hai que contemplala dende unha perspectiva global, tendo en conta que a linguaxe infantil é un fiel reflexo da contorna social na que o neno/a se desenvolve, sendo a imitación da linguaxe dos demais e o desexo de comunicarse as dúas variables que fan que a linguaxe se forme.

Dito isto, a continuación inclúo unha serie de vídeos da Eugenia Romero baseados na estimulación da linguaxe oral dos nenos/as pequenos para aprender a articular as súas primeiras palabras relacionadas cos animais, os transportes, as cores, os sinfóns e as onomatopeias.

Recopilatorio de Onomatopeas


As cores



Os transportes



Repimos palabras. Singóns coa /r/





venres, 8 de maio de 2020

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES DE ADMISIÓN



IMPORTANTE:

Admisión a la FP - educaweb.com



Actívase novamente o prazo para realizar as solicitudes de admisión dende o luns 11 de maio ata o 18 de maio.

Documentación necesaria:
  •        Fotocopia do DNI do pai e nai do alumno/a.
  •        Fotocopia do libro de familia.
  •        Fotocopia do certificado de empadroamento.


O arquivo a entregar é o seguinte:

xoves, 30 de abril de 2020

CONTIGO DENDE CASA



Inclúo unhas recomendacións moi básicas para as familias á hora de saber xestionar as emocións cos nenos/as e como preparalos para que a volta sexa o máis "normalizada" posible.

Xestión emocional
  •  Explicarlles a situación de forma breve, afectiva e adecuada á idade.
  • Transmitirlle ao neno moito afecto, pero sobre todo seguridade e calma, non sobre-expoñéndoos ás dificultades familiares, laborais e económicas que poidan derivar desta situación.
  • Permitir que poida expresar libremente as súas emocións, tanto positivas como negativas, e normalizalas.
  • Buscar a lectura positiva desta situación: pode ser unha oportunidade para estar xuntos, para aprender cousas novas, para descubrir novas formas de traballo, para minimizar o estrés diario...É unha oportunidade para descubrir novos valores sociais como a solidariedade, a empatía, a axuda, a amizade...
  • Ter en conta que os pais non sodes docentes polo que debedes manter a clama ante o traballo escolar, non agobiarse nin agobiar aos nenos xa que poda prexudicar as relacións familiares.
  • Ter en conta o ritmo do neno.
  •  Escoitar aos vosos fillos cando non teñan ganas de traballar e non forzar a situación.
  • Alternar actividades escolares con outros lúdicas.
  • Aproveitar para aprender a respectar os espazos e tempos de cada un dos membros familiares.
  • Aprender a xestionar o seu tempo de ocio. Deixar espazo para que descubran por si mesmos formas de entretemento sen depender sempre das propostas dos adultos.
  • Procurar que haxa momentos para todo, para traballar, para xogar, para aprender...
  • Ter en conta a importancia da educación emocional nesta situación e reflexionar como a presente situación está a influír na capacidade de motivación, concentración e estudo.

Como vai ser a volta?
  • Explicar aos nenos a importancia de adoptar medidas de hixiene máis estritas pero sen dramatismos nin alarmismos.
  • Facelos partícipes a través dalgunha estratexia, como choiva de ideas, de que aporten ideas de como mellorar as nosas relacións cos demais, formas alternativas de amosar afecto, de xogar, de comunicarse cos demais, facéndolles ver que estes cambios non teñen por que ser negativos.
  • Preparalos tamén para as posibles reaccións que poidamos atopar nos demais: é posible que ao principio haxa certo “histerismo coa limpeza” que provoque reaccións desproporcionadas.

Como preparar aos nenos?

Hai que ter en conta a volta a saír da casa pode xerar nalgúns nenos reaccións negativas como medos, ansiedade, fobias, estrés... Iso ligado a separarse da familia e volver ás rutinas anteriores. Por iso é importante ter en consideración algunhas cuestións:
  • Indicarlles que estamos nunha situación transitoria de alarma que afortunadamente terá un fin e que será indicativo de que as cousas van mellor.
  • Facerlles ver a importancia de que todos volvamos ás nosas rutinas para que a vida poida continuar e que o noso estado natural non é o actual.
  • Explicarlles que a vida social, o traballo e a escola beneficia o noso equilibrio emocional.
  • Destacar a importancia de volver a ver os seus compañeiros e ao profesorado, recordándolles anécdotas ou situacións vividas con eles e que lles resulten gratificantes.
Moito ánimo!

mércores, 29 de abril de 2020

A IMPORTANCIA DA COMUNICACIÓN NA RESOLUCIÓN DE CONFLITOS


Na entrada anterior tratábamos a negociación como técnica para a resolución de conflitos. Pero tan ou máis importante que iso, é a comunicación. Principal conector cando intentamos resolver os problemas que día a día nos ocorren.

Como ten que ser esta comunicación?  Que tipos de comunicación hai? Cales son as causas que dificultan a comunicación? Que debo ter en conta na comunicación? Cales son as técnica de comunicación eficaz? Son preguntas que nos facemos frecuentemente, as cales moitas veces non sabemos responder.

A continuación déixovos unha presentación abordando todos eses aspectos. Espero que sexa de axuda.

martes, 28 de abril de 2020

A RESOLUCIÓN DE CONFLITOS NA ESO


Os conflitos están presentes en distintas actividades que realizamos no día a día e debemos saber dominar o estilo a utilizar para que isto non suceda. Como sabemos, o conflito é un afrontamento que xurde entre varias persoas ou grupos de persoas, porque o comportamento dunha prexudica o logro de obxectivos (intereses, necesidades, desexos...) que persegue a outra persoa.

As causas máis comúns son a falta de coordinación entre as persoas, puntos de vista contrarios, obxectivos diferentes, problemas de comunicación, estilo de liderado ineficaz, e desconfianza entre as persoas.

Sen embargo, os conflitos son positivos dende o punto de vista de que poden estimular a creatividade nas persoas e poden xerar novas ideas, a mellorar o esforzo e destreza, liberar as emocións, o estrés, as persoas chegan a coñecerse mellor, cooperan máis entre si e aumentan a súa unión. Pero tamén teñen aspectos negativos os cales logran que a cooperación e o traballo en equipo se deteriore, aumenta o interese persoal, aumenta a desconfianza mutua, diminúe o rendemento, equivocacións na toma de decisións, comportamentos violentos, etc.

A ferramenta que nos axuda a poder resolver estes conflitos é a negociación, que é o proceso de diálogo que conduce a un acordo mutuamente aceptado e que é un convenio colectivo. É un proceso que require disciplina, estratexias, emocións e actitudes. A negociación axudaranos a ser flexibles e a saber escoitar, a establecer límites claros e a saber controlar as emocións para comunicarnos dunha mellor maneira.

Dito isto, déixovos unha presentación da negociación para utilizar, sobre todo, co alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.

luns, 27 de abril de 2020

A RESOLUCIÓN DE CONFLITOS NA EDUCACIÓN PRIMARIA

Hoxe deixo unha presentación referida á resolución de conflitos na Educación Primaria a través da técnica denominada "o gran".

Xa me contaredes as vosas experencias con esta técnica.



venres, 24 de abril de 2020

A RESOLUCIÓN DE CONFLITOS NA EDUCACIÓN INFANTIL


O ámbito familiar é un dos lugares onde as diferenzas de opinións e conflitos suceden cada día con máis envergadura. Debemos recordar que como pais/nais e familiares xogamos un papel moi importante á hora de ensinar aos noso fillos/as a resolver conflitos con nos e entre eles. Recordemos que os adultos nos convertemos en modelos de rol que os nenos/as observan, e a maneira en que manexamos as situacións difíciles son exemplos sobre como eles deberán facelo despois.
Como adultos debemos:
  • Axudar a expresar os sentimentos deixando de lado as acusacións.
  • Ensinar a escoitar aos demais sen prexulgar.
  • Ensinar a ter en conta o punto de vista dos demais e os seus sentimentos. Ensinar a ser empáticos.
  • Ensinar a responsabilizarse cada un do seu e pedir perdón se é necesario.
  • Ensinar a resolver o conflito, sabendo que non necesariamente un ten que perder senón que ambos podemos ganar nunha situación calquera.
  • Facilitar o traballar os sentimentos e non actuar sobre os negativos.
  • Ensinar a non gardar rancor para poder seguir adiante.
  • Ensinar a practicar todo isto nas casas e nas aulas con nos mesmos e cos demais.
  • Difícil tarefa pero, e se logramos que todos os nenos/as sean capaces de resolver diferenzas de opinión, que teñan habilidade de sentarse a ver como ambos poden ganar resolvendo calquera diferenza?

Aquí entra en xogo a mediación escolar, que trataremos noutra entrada de maneira pormenorizada.

Agora déixovos unha presentación sobre a resolución de conflitos na Educación Infantil. Máis concretamente, a técnica denominada “mellor se xogamos todos xuntos” a través do conto “o crocodilo”.

mércores, 22 de abril de 2020

COMO ORIENTARSE VOCACIONALMENTE?








Dadas as circunstancias, é importante que como alumnos/as, sobre todo dos niveis educativos máis altos, sexades capaces de orientarvos mediante buscas en internet, pois a cantidade de recursos que atopamos neste soporte é infinita.
Neste caso, corremos o risco de intoxicarnos con excesiva información e facer uso de páxinas ou webs pouco rigorosas. Sobre todo se non somos críticos á hora de seleccionalas.
Por iso, comparto neste entrada unha recompilación de recursos esenciais dirixidos a todos os estudantes que teñan que levar a cabo ese proceso de autorientación na rede ou que queiran ampliar os seus coñecementos a través desta canle.
Antes de incluír eses recursos, é preciso ter claro cales son os pasos que hai que dar para que a autorientación sexa reflexiva. Estes pasos son:

Coñécete a ti mesmo:
  • Coñece as túas aptitudes, as túas habilidades e as túas capacidades, as túas afeccións, os teus rangos de personalidade, os teus intereses profesionais e os teus valores.
  • Reflexiona sobre a túa motivación, pensando se queres facer uns estudos máis longos (graos universitarios) ou curtos e prácticos (por exemplo, estudos de formación profesional).
  • Investígate a ti mesmo, auto-analízate e fai unha listaxe das túas características persoais e dos teus puntos fortes.
Infórmate:
  • Investiga todas as opcións e estuda a oferta. Empeza por aqueles estudos que están máis relacionadas coa túa formación previa e coas túas características (analizadas no punto anterior).
  • Fai unha lista daqueles estudos que máis che poden interesar. Posteriormente, analiza o seu plan de estudos e as súas saídas profesionais.
  • Localiza eses estudos e busca os centros onde podes facelos.
Decide:
  • Pon en orde de prioridade os estudos da lista que elaboraches na fase anterior. Elabora unha táboa con tres columnas: estudos que me interesan, vantaxes e inconvenientes (duración, dificultade, custe, necesidade de desprazamento, as posibilidades de acceso, esixencias de idiomas, as saídas laborais...).
  • Reflexiona sobre os factores que van influír na túa decisión como, por exemplo, as túas posibilidades económicas, vías de acceso a eses estudos, os estereotipos de xénero para determinadas profesións, a presión familiar, etc.
  • Por último, selecciona aqueles estudos nos que atopaches máis vantaxes e ordénaos por orde de prioridade, ese será o teu obxectivo vocacional. Esforzarte por conseguilo.


A continuación, inclúo o documento cos recursos que podedes utilizar para autorientarvos, clasificados por categorías e cos enlaces para que vos sexa máis doado visualizalos.

venres, 3 de abril de 2020

RECOMENDACIÓNS IMPORTANTES PARA FAMILIAS E ALUMNADO



Que é aquilo que debemos facer durante estes días de corentena?
  • Establecer unha rutina diaria que se deberá conformar en rangos xerais por tarefas de responsabilidade, tarefas de auto-coidado e tarefas de ocio.  Tres piares fundamentais para poder seguir activos dentro da situación que estamos a vivir.
  • Axustar a túa nova vida ó máximo posible co que facíamos antes.


Valorar os aspectos positivos desta situación:
  • Este confinamento pode ser unha oportunidade extraordinaria para pasar máis tempo en familia, falar cos vosos fillos/as, sen presa....en definitiva, desfrutar do máis apreciado que temos.
  • Este confinamento vai a supoñer un respiro para o planeta: menos tránsito de vehículos, máis aproveitamento dos recursos da casa, mellorar administración dos alimentacións, etc.
  • Este confinamento permitirá valorar a importancia de ter un teito, acceso a luz e auga, acceso a alimentación, recollida de residuos...

Importancia de manter os teus horarios:
  • Horario de traballo: seguir traballando se é posible e senón adaptar novas responsabilidades e tarefas.
  • Horario de descanso: interromper o menos posible o hábito de descanso e sono que tiñamos antes.
  • Horario e hábitos de comida: igual que antes, interromper o menos posible este hábito, xa que podemos  caer na situación de comer de maneira compulsiva e sen orde.
  • Horarios de hixiene: estar na casa non significa estar todo o día en pixama, sen ducharnos, sen vestirnos ou peitearnos. Os hábitos de hixiene son fundamentais neste momento.
  • Horarios de ocio e tempo libre: é un bo momento para incorporar na nosa vida todas esas actividades que non tiñamos tempo de facer.                      

- As persoas acostumadas a ter moita interacción con outras persoas, poden servirse de chamadas ou vídeo-chamadas para ter ese  momento de actividade social
- Auto-coidado: importante tomar unha parte do día e da semana para facer deporte, meditar, escribir, mimarnos... (un bo baño relaxante, arranxarnos e vernos ben...).
- Aproveitar este tempo para aprender cousas novas (coser, cociñar, manualidades, papiroflexia, pintar, facer quebracabezas...).
- É un bo momento para recuperar os lazos comunicativos intrafamiliares que perderamos, recuperar vellas costumes dentro de casa (reunirnos na mesa, xogar a xogos de mesa, ver películas....).

Cousas que non debemos facer durante estas semanas
  • Pasar todo o día en pixama, vendo películas ou series, e atacando a despensa
  • Recorrer constantemente a pensamentos de proxección futura. É momento de vivir o agora e saborear o momento.
  • Monopolizar noso tema de conversación. Sabemos o que está pasando, debemos estar informados, pero non todo o tempo debemos falar o mesmo. Xa que isto solo pode axudarnos a aumentar os novos niveis de ansiedade.
  • Ter constantemente as noticias postas na tele ou recorrer a elas por internet.

Recomendacións para pasar tempo en casa:
  • Elaborar unha táboa de rutinas cos pequenos:
           - Conversar con eles sobre a realización dunha táboa de rutinas e construíla xuntos.
           - Facer unha choiva de ideas para as tarefas que se van realizar dentro da casa.
           - Facer debuxos das tarefas.
           - Ser flexible na súa execución.
  • Establecer dentro das táboas de rutina, un tempo para o reforzamento académico e escolar, así a través de actividades lúdicas ou didácticas que lle permitan os nenos/as aprender e desfrutar do tempo de deberes na casa.
  • Dentro das actividades introducir algunhas que xeren movementos corporais como: bailes, exercicios, circuítos, ioga ou Mindflulness.
  • Establecer conversacións asertivas e que sempre vaian dirixidas en positivo, validando e escoitando as súas emocións ou necesidades.
  • Conversar sobre os seus sentimentos, que cousas lle xeran medo ou confusión, darlle un color e forma a esa emoción, preguntándolle tamén en que parte do corpo a senten e cerrar brindándolle contención.
  • Elaborar na casa un espazo ou curruncho da calma onde podan estar para volver a estar tranquilos, cando se sentan preocupados, con medos ou confundidos. Alí poden ter: contos, botellas, bolsas sensoriais, plastilina, burbullas...
  • Demostrar moita contención emocional a través de abrazos, caricias e moita presenta.
Debemos decidir en QUE ZONA QUEREMOS ESTAR: